Cartas
“Os retos aos que nos enfrontamos como sociedade requiren unhas organizacións áxiles e comprometidas”
Juan
Güell Ubillos
DIRECTOR XERENTE
Cartas
“Los retos a los que nos enfrentamos como sociedad requieren de organizaciones ágiles y comprometidas”
Juan
Güell Ubillos
DIRECTOR XERENTE
Non podería empezar estas liñas sen ter unhas palabras de gratitude e recoñecemento cara a quen foi presidente de Mutua Universal durante os últimos 18 anos, don Juan Echevarría Puig, que renunciou voluntariamente ao seu cargo en decembro de 2022, despois de 36 anos de absoluta e honesta entrega á entidade, a cuxa xunta directiva pertencía desde 1987.
Desde a súa chegada á presidencia, en 2004, Mutua Universal foi protagonista de importantes avances que sen dúbida lle hai que agradecer ao seu valioso labor. Como o impulso definitivo cara á modernidade da entidade a través da aplicación da innovación á xestión e á saúde como motor para seguir prestando unha asistencia excelente, coa organización dos Premios Innovación e Saúde como punto álxido.
Durante os seus anos como presidente, Juan Echevarría liderou a mutua a través da procura incesante da excelencia e o bo goberno corporativo, eido no que promoveu iniciativas estratéxicas para fortalecer o control interno da entidade, coma o Comité de Auditoría e Cumprimento ou a Comisión de Código de Conduta e Prevención de Riscos Penais.
Uns labores e unha presidencia estes que agora deixa nas mans de Jaime Aguirre de Cárcer y Moreno, até a data vicepresidente primeiro da xunta directiva e a quen lle agradezo de antemán que asumise o reto que supón conservar o que conseguiu o seu antecesor, coa mirada sempre posta no que está por vir. Todo, desde o esforzo por preservar a universalidade, a proximidade ao mutualista, a mellora continua e a vocación de servizo público; valores históricos do mutualismo.
No seu desempeño está en boa medida o futuro máis próximo da Mutua. Un futuro que encaramos co optimismo que nos insufla o crecer nos principais indicadores económicos e de xestión, e de sabérmonos unha entidade solvente asentada entre as mellores mutuas colaboradoras coa Seguridade Social. Resultados que cabe interpretar desde a nosa capacidade de xestión e reacción, cunha visión estratéxica que nos permite anticipar escenarios e actuar en consecuencia.
Valoramos positivamente os resultados da xestión nun exercicio que, afortunadamente, deixa atrás unha pandemia, pero que tivo que lidar cunha incerteza xeopolítica que afectou a nivel social, económico, legal e tamén tecnolóxico. No balance xeral, cremos que fomos capaces de nos adaptar aos cambios normativos e á rápida evolución da sociedade e da economía.
ENTIDADE SOLVENTE E CAPAZ
No ámbito estritamente económico, obtivemos un resultado positivo de 56,75 millóns de euros, e pechamos o exercicio 2022 coa Reserva de Estabilización de Continxencias Profesionais dotada co máximo importe permitido pola Lei 31/2022 de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023. O novo límite fixado supón un desembolso a favor da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de 90,38 millóns de euros, contribuíndo así ao sostemento do sistema e do estado do benestar. Unha sustentabilidade que entendemos que non só é económica, senón tamén medioambiental, ética e social, favorecendo así a diversidade e a inclusión, como corresponde ao propósito de sermos socialmente responsables a través dunha colaboración público-privada eficaz que xera valor para as persoas traballadoras, as empresas e, en definitiva, a sociedade.
XESTIÓN INTEGRA E EFICIENTE
No que se refire aos indicadores de xestión, en 2022, Mutua Universal incrementou nun 3,6 % o número de persoas traballadoras protexidas e adheridas até alcanzar as 1 638 363, e sumaba 157 985 empresas mutualistas no peche do ano.
Este crecemento supuxo un aumento da asistencia primaria nos centros de Mutua Universal de máis do 10 %, situación que a entidade conseguiu satisfacer con éxito grazas a unha actuación rigorosa e comprometida. Todo baixo un modelo de atención en saúde integral, personalizado e humano, que garante a equidade e unha alta calidade asistencial, sen demoras nin listas de espera. Un modelo onde se dan cita a atención presencial prestada na nosa ampla rede de centros propios de alta capacitación tecnolóxica, con presenza en todas as provincias, co noso sistema propio de telemedicina (Clínica Online), implantado en todos os nosos centros asistenciais, que garante o acceso á medicina especializada para toda a nosa poboación protexida, independentemente da localización. Estas actuacións non serían posibles sen unha aposta clara e firme pola innovación tecnolóxica aplicada á saúde, á prevención e á xestión. É un esforzo que nos permite desenvolver proxectos baseados na intelixencia artificial que anticipan e prevén situacións co obxectivo de tomarmos as mellores decisións na prestación do servizo, aumentar a axilidade dos procesos, reducir os tempos de resposta e mesmo adiantarnos a posibles necesidades, así como dispoñer dun sistema de tramitación electrónica de trámites robusto e áxil, entre outras iniciativas.
No que respecta á recadación por cotizacións sociais, que ascenden a 1493 millóns de euros, crecen un 15,45 % respecto de 2021, en parte pola contribución da Orde PCM/244/2022 pola que se desenvolven as normas de cotización á Seguridade Social para o exercicio 2022, continuadora da Orde PCM/1353/2021, en vigor desde setembro de 2021, que mantivo o coeficiente para determinar a fracción de cota a percibir polas mutuas para o financiamento das funcións e actividades atribuídas para a xestión da prestación económica por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns no 0,06, tanto en conta allea (anteriormente 0,051) como en conta propia (antes 0,055). Unha cifra, con todo, aínda insuficiente ante o aumento do absentismo laboral, unha problemática que España debería tratar xa como estrutural.
A sociedade actual, complexa e cambiante a ritmos acelerados, demanda respostas igualmente urxentes nas que todos os actores sociais nos debemos involucrar. Adaptándonos ás novas realidades sen comprometer as futuras, “actuando no presente, pensando no futuro”, traballando para unha transición cara a un modelo produtivo e social máis ético, sostible e inclusivo, que contribúa aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Avanzando así cara a unha transformación sostible, cun reforzo dos aspectos ambientais, sociais, éticos e de bo goberno corporativo (ASG) na nosa xestión diaria.
RETOS FUTUROS
Os retos aos que nos enfrontamos como sociedade requiren unhas organizacións áxiles e comprometidas, con espírito de mellora e adaptación constante. Así o demostramos, sen ir máis lonxe, durante a pandemia, onde ante un contexto de crise económica e sanitaria, coa sociedade e o colectivo asistencial ao límite e cunha evidente falta de recursos, Mutua Universal soubo adecuar a súa estrutura de xestión, procesos e servizos para ofrecer unha resposta eficiente centrada nas persoas e na sustentabilidade do estado do benestar.
Seguirémonos esforzando por todo iso. Co soporte e o estímulo dun plan estratéxico, ‘‘A Mutua das persoas. Colaboramos innovando’’, ambicioso e con visión de futuro, que marca as liñas de actuación da entidade para os próximos anos nun contexto cada vez máis cambiante, tecnolóxico, colaborativo e sostible. Un proxecto no que participa un colectivo de profesionais diverso, cunha elevada implicación das unidades territoriais e que se nutre de metodoloxías colaborativas baseadas na axilidade e na transversalidade, orientadas a impulsar o talento de Mutua Universal. Avanzando e adaptándonos en todos os nosos ámbitos de actuación. Apostando pola tecnoloxía e o investimento en talento humano e infraestruturas co único obxectivo de velar pola saúde e o benestar das persoas traballadoras, desde onde contribuímos á produtividade e á competitividade das empresas, así como á súa sustentabilidade e á do sistema, nun contexto de colaboración público-privada coa administración pública que se revelou eficaz.
Todas estas actuacións, recursos e servizos avalan unha atención personalizada que as nosas empresas mutualistas e poboación protexida e adherida valoran moi positivamente. Así se reflicte nos resultados da última ‘‘Enquisa de calidade do servizo 2022’’, onde obtivemos unha puntuación de 8,54 sobre 10, evolucionado positivamente en todas as dimensións do servizo, tanto no ámbito relacional coma na xestión das prestacións e a atención nos centros asistenciais.
Quero expresar o meu agradecemento neste punto a todas as empresas asociadas, persoas traballadoras protexidas e adheridas e asesorías colaboradoras que depositaron un ano máis a súa confianza en Mutua Universal.
Farei mención especial tamén ás aproximadamente 2000 persoas, profesionais da entidade, que traballan día a día, con rigor e profesionalidade, para que a Mutua sexa merecedora desa misión.
Quero reiterar o meu imperecedoiro recoñecemento a Juan Echevarría Puig. Grazas polo teu inestimable labor, compromiso e lealdade á fronte da organización.
Finalmente, debo agradecer á xunta directiva e ao seu presidente, Jaime Aguirre de Cárcer, por asumiren o reto que representa formar parte dunha entidade que contribúe á sustentabilidade do sistema desde a colaboración activa e efectiva coa Seguridade Social, polo seu labor de goberno, administración, xestión e representación.
A confianza é total.