Cartas
“Pechamos o exercicio 2022 cun balance positivo, tanto no que respecta aos cocientes de solvencia coma aos indicadores de xestión”
Jaime
Aguirre de Cárcer y Moreno
PRESIDENTE
Cartas
“Pechamos o exercicio 2022 cun balance positivo, tanto no que respecta aos cocientes de solvencia coma aos indicadores de xestión”
Jaime
Aguirre de Cárcer y Moreno
PRESIDENTE
Gustaríame comezar esta carta cunhas palabras de sincero e profundo agradecemento cara á figura do meu predecesor, don Juan Echevarría Puig, presidente de Mutua Universal entre 2004 e 2022, exercicio este último, plasmado neste Informe de xestión e memoria de sustentabilidade 2022, que sen dúbida concirne ao seu mandato.
Persoa honesta e traballador incansable, dotado dunha gran sensibilidade para os problemas humanos e sempre aberto ao diálogo, os que tivemos a oportunidade de compartir tempo con el puidemos gozar dunha fonte de sapiencia extraordinaria.
Durante os seus 18 anos na presidencia de Mutua Universal, Juan Echevarría entregouse persoal e profesionalmente á entidade, poñendo toda a súa considerable bagaxe persoal e profesional ao servizo da Mutua de maneira brillante. Boa parte dos avances e logros que impulsaron a Mutua Universal até o que é hoxe débense ao seu esforzo, dedicación e perseveranza. De igual maneira, os seus dotes como líder forte e rigoroso permitiron levar a entidade aos niveis de gobernanza actuais.
Por todo iso, desde a posibilidade que me ofrece esta carta, o meu recoñecemento e admiración.
En segundo lugar, desexo agradecerlle á xunta directiva de Mutua Universal que tivese a ben depositar a súa confianza na miña persoa para continuar co labor de presidir a entidade, a cuxa xunta pertenzo desde 2011; máis de 12 anos nos que puiden comprobar a evolución, o bo facer e a responsabilidade da organización.
Afronto este compromiso con ilusión, visión de futuro e responsabilidade. Orgulloso de representar a Mutua Universal en calquera que sexa o ámbito requirido.
Sempre terei o afán de conservar o que se construíu durante a presidencia de Juan Echevarría. Un legado que me anima e que me reta. Que me obriga a mirar cara ao futuro —como sempre fixo el— con ilusión e esixencia. Garantindo así a mellora constante da actividade e un control firme mediante o fomento de accións e proxectos dirixidos ao comportamento ético e responsable e ao bo goberno corporativo, en prol da máxima transparencia na xestión.
Resumir 2022 nunhas poucas liñas é extremadamente difícil. O ano transcorreu entre o optimismo por superar o máis duro dunha pandemia global, coa conseguinte esperanza do inicio dunha recuperación económica, e a incerteza xeopolítica polo inicio da guerra en Ucraína e as súas devastadoras consecuencias humanas e económicas, igualmente globais. Foi o ano da crise enerxética europea, a máis grave desde os anos setenta do século pasado, segundo a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE); dos colos de botella na cadea de subministracións; da persistencia á alza no crecemento dos prezos de consumo, que levou a un endurecemento das políticas monetarias a escala internacional e a uns niveis de inflación que obstaculizan o crecemento dos países e incrementan os custos de produción das empresas.
A economía española, coma a da maioría dos países europeos, respondeu a este convulso escenario mundial cun tímido crecemento durante o primeiro e o segundo trimestre do ano, estimulado pola fin das restricións e o regreso do turismo tras a pandemia, e cunha desaceleración brusca a partir da segunda metade do exercicio debido ao impacto do aumento dos prezos e da inflación. Para mostra, o PIB, que pasou de crecer un 2,2 % entre abril e xuño a un 0,2 % entre xullo e setembro. Ou a taxa de desemprego, que continúa raiando no 13 %, das máis altas da eurozona, malia que a ocupación, no peche de 2022, se elevase a niveis anteriores ao estoupido da burbulla inmobiliaria en 2008.
ESCENARIO ACTUAL
Así e todo, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a economía estatal creceu un 5,5 % en 2022, sostida polo consumo e o sector exterior, aínda que sen recuperar o volume de antes de que nos sorprendese a epidemia. España foi tamén o país da eurozona que viviu unha maior baixada da inflación no peche do ano, aínda que a inflación subxacente, que exclúe a enerxía e os alimentos, subiu dúas décimas até un récord do 5,2 %. Sexa como for, é unha situación levemente mellor do que cabía esperar vista a evolución do ano.
No medio desta incerteza, cunha clara desaceleración pero algúns indicios esperanzadores, a Seguridade Social —ente co que colaboramos e do que dependemos— hai xa moitos meses que sofre unha débeda disparada por riba dos 100 000 millóns de euros. Co peto das pensións estarrecido, á espera de comprobar como lle senta a achega que supón o aumento de cotizacións sociais do novo Mecanismo de Equidade Interxeracional aprobado xusto antes de acabar o ano, unha medida que afecta de forma directa aos salarios e ao custo que afrontan as empresas polas súas persoas traballadoras.
E, no horizonte máis próximo, está o adianto das eleccións xerais ao 23 de xullo, convocadas un día despois das do 28M, nas que os socialistas sufriron unha dura derrota nas urnas ao perder as municipais fronte ao PP e ceder boa parte das comunidades autónomas onde gobernaba. Unha convocatoria de eleccións que freou máis de 60 leis no Parlamento, entre as que estaban a modificación da Lei de Seguridade Nacional, o último paquete da reforma das pensións, outra de melloras ás persoas empregadas do fogar, a das cotizacións das persoas traballadoras autónomas, a que propoñía a creación, tras a COVID, dunha Axencia Estatal de Saúde Pública ou a que quería ampliar os permisos de maternidade e paternidade, entre outras.
Neste contexto, as mutuas colaboradoras coa Seguridade Social son as encargadas de protexer as continxencias laborais de máis de 1,4 millóns de empresas, o que supón unha cota de mercado do 98,7 % respecto do total do sistema; de máis de 18 millóns de persoas traballadoras por conta allea, o 97,2 % do total do sistema, e de máis de 3,2 millóns de persoas traballadoras por conta propia adheridas. É un sector estreitamente ligado aos cambios lexislativos e aos vaivéns da economía, que empezou o ano coa fusión de dúas entidades, que o remata con resultado positivo grazas a financiamentos adicionais e que vive desde hai demasiado tempo lastrado pola altísima taxa de absentismo laboral derivado da incapacidade temporal por continxencia común. Unha continxencia aínda infravalorada pola administración, e cuns coeficientes relativos á fracción da cota que perciben as mutuas para facerlle fronte ao pagamento da prestación económica conseguinte que aínda son insuficientes dado o volume de absentismo. Isto segue poñendo o sector nunha situación límite e sen marxe de manobra, malia os ofrecementos do mutualismo para axudar a axilizar a recuperación das persoas traballadoras tamén neste ámbito, cobertura que xa asumimos nas baixas médicas por accidente de traballo.
O absentismo laboral é hoxe un problema global en España que afecta directamente á saúde das persoas, á produtividade e competitividade das empresas e á sustentabilidade do sistema de Seguridade Social e do estado do benestar. Un crebacabezas ao que só se lle pode facer fronte desde a reformulación da efectiva colaboración público-privada que mantemos as mutuas colaboradoras e a Seguridade Social.
No que respecta a Mutua Universal, ámbito da nosa actuación, pechamos o exercicio 2022 cun balance positivo, tanto no que respecta aos cocientes de solvencia coma aos indicadores de xestión. Hai un resultado positivo a distribuír de 56,75 millóns de euros e unha Reserva de Estabilización de Continxencias Profesionais dotadas ao máximo, mostra do noso bo facer e perseveranza. Hai, así mesmo, un incremento das empresas asociadas, que no peche do ano son 157 985, e das persoas traballadoras protexidas e adheridas (1 638 363), así como da recadación por cotizacións sociais.
Este desempeño, rexido pola unidade de propósito, está guiado polo interese social, entendido como a consecución dunha actividade sostible a longo prazo, con respecto polas leis e regulamentos e un comportamento baseado na boa fe, a ética e o respecto dos usos e das boas prácticas. Conciliando o interese social cos lexítimos intereses dos nosos grupos de interese e co debido impacto positivo das nosas actividades na sociedade e no medio ambiente
ORGANIZACIÓN ÁXIL E MODERNA
Así, afrontamos o futuro coa confianza que nos outorga a viabilidade económica e a convicción de sermos unha entidade solvente capaz de xestionar con eficacia e eficiencia os servizos que temos legalmente atribuídos —e que van aumentando co paso do tempo— como colaborador esenciais na sustentabilidade do sistema, ao que contribuímos desde a protección da saúde das persoas traballadoras, o fomento da cultura preventiva, o apoio socio-laboral e o pagamento das prestacións.
Desde aquí, quero darlles as grazas a todas as empresas asociadas, persoas traballadoras protexidas e adheridas e asesorías colaboradoras que confiaron no noso labor.
Vaia así mesmo o meu agradecemento a todo o persoal de Mutua Universal, verdadeiro motor da entidade. O voso esforzo e profesionalidade fan desta unha organización áxil e moderna capaz de adaptarse e anticiparse ás necesidades dos nosos diferentes grupos de interese; desafío que enfrontades co apoio dunha estrutura organizativa axeitada e unhas liñas estratéxicas claras e con visión a longo prazo. Só así é posible asumir os retos que presenta o futuro.
A miña gratitude tamén ao director xerente, Juan Güell, un referente no sector, polo impulso e a visión de futuro que sempre demostra. Á xunta directiva, que dedica a máxima atención e medios ao adecuado goberno da entidade. Á Comisión de Control e Seguimento, á Comisión de Prestacións Especiais e ao Comité de Auditoría e Cumprimento polo seu indispensable labor.
Ao presidente e director xerente de AMAT. E, evidentemente, á administración pública coa que tan estreitamente colaboramos.