A carta correspondente ao exercicio e ano 2019 parecía propia dun período excepcional, irrepetíbel, no que se desencadearan tódolos males que obrigaban a tomar medidas unánimes de singular alcance.
Hoxe, a curta distancia dun ano e o ocorrido neste 2020 converteron o ano anterior nun plácido descorrer das nosas vidas. A este paso, o típico será o atípico, coma se o normal fora rizar o rizo ou deambular sen contrapeso polo arame. É posible que moitos dos problemas aos que facer fronte sexan comúns ao universo enteiro, pero algúns, tan nosos, confirman, como alguén dixo, que España é un perpetuo borrador inseguro.
Bastaría para confirmar a excepcionalidade do 2020 lembrar que 162 dos seus 365 días transcorreron en estado de alarma, previsto no ordenamento xurídico por un período de 15 días. As sucesivas prórrogas dende o 14 de marzo ata o 21 de xuño validaron ese longo período que a cidadanía, salvo excepción, respectou e incluso, por persistir en parte as razóns da súa implantación, supuxo ao seu fin certa indefensión.
Pero a sociedade española, os españois, para dicilo sen eufemismos, somos fortes e as consecuencias desta pandemia que na Gomera descubriuse o 31 de xaneiro obrigan a tomar e soportar unha serie de medidas sanitarias, sociais e económicas imposibles de predicir.
A redución e anulación da actividade económica produciu grandes estragos. Numerosas empresas e traballadores autónomos perderon o seu xeito de vivir y de contribuír á puxanza desa economía que constitúe a economía española. O consecuente aumento do paro e a caída do 11 % do PIB reflicten a inmensa crise, aliviada polo ERTE, o aumento do salario mínimo interprofesional e a implantación o 29 de maio do ingreso mínimo vital. Seculares e recentes institucións privadas, moitas de carácter relixioso, foron e seguen a ser decisivas na supervivencia de tantas persoas, moitas delas en situación de pobreza avergoñante.
Pero esta situación non pode ser permanente.
A fraxilidade da nosa economía é consecuencia da súa composición. O desprezo pola industria e a tecnoloxía, a precaria investigación, a fobia á iniciativa empresarial convertida nunha carreira de obstáculos, singularmente municipais, ou a indiferenza ante á emigración de tantos que poderían contribuír, aínda que fora a medio ou longo prazo, obrigan a cambiar o modo de ser da nosa nación, non só da súa economía. Séguense a lanzar as campás ao voo porque no mes de xuño deste 2021 creáronse 160.000 postos de traballo dos que só un 5% corresponde á industria.
Adaptándonos a unha certa cronoloxía do ano 2020, débense resaltar uns cantos acontecementos:
O 7 de xaneiro, D. Pedro Sánchez é investido presidente do Goberno español: 167 votos a favor (PSOE, Unidas Podemos, PNV, Más País, Compromís, BNG, Nueva Canarias e Teruel Existe), 165 en contra (PP, Vox, Ciudadanos, Junts per Catalunya, CUP, Unión del Pueblo Navarro, Foro Asturias, Coalición Canaria e Partido Regionalista de Cantabria) e 18 abstencións (Esquerra Republicana de Catalunya e EH Bildu).
A composición dos votos favorables, os da oposición e a natureza dos propios da abstención, deberan dar lugar a un estudio da composición da sociedade española e non só quedar en meras conxecturas. Esta realidade parlamentaria convirte nunha quimera calquera Pacto de Estado.
O 3 de agosto, a Casa Real comunica que D. Juan Carlos I afástase de España, do mesmo xeito que se afasta ou repudia moito do que, entre todos os españois, fomos capaces de levar a cabo dende 1976.
O 3 de novembro, Mr. Joe Biden alcanza a presidencia dos EE.UU. de Norteamérica.
O 24 de novembro, o Consello de Ministros aproba a estratexia de vacinación. O mesmo día, récord de 537 falecementos.
O 3 de decembro, o Congreso dos Deputados aproba os presupostos xerais do Estado para 2021.
O 8 de decembro, a británica de 90 anos Margaret Keenan inicia, coa primeira vacinación en Europa, o camiño á esperanza.
Entre estes acontecementos ou aconteceres poderían intercalarse aprazamentos e celebración de eleccións autonómicas, votos de censura, sentencias xudiciais, a desobediencia ás mesmas, os seus recursos correspondentes, a aprobación de leis e acordos e os debates parlamentarios que, esperemos, sexan só multiplicación das discrepancias da nosa sociedade e que non as magnifiquen.
E esquecida ou mal interpretada, inerme, a necesidade dun proxecto suxestivo de vida en común, Ortega dixit, que mobilice a ilusión de tantos que senten e necesitan o mesmo, sen que ninguén llo ofreza.
Este mínimo resumo do 2020 xa explicaría moitas cousas.
As mutuas son un reflexo dos vaivéns da nosa sociedade, máxime se estes vaivéns son a saúde e o traballo.
Neste 2020 rozouse o límite da súa capacidade financeira, porque ás mutuas afectáronlles os gastos extraordinarios propios da pandemia, a diminución de ingresos por peche de empresas, os ERTE e a exoneración da cotización das empresas, as reducións do cadro de persoal ou a necesaria atención aos autónomos.
A decisión do Executivo de cubrir os gastos excepcionais de prestacións de incapacidade temporal por COVID e as prestacións extraordinarias dos autónomos permitiu, temporalmente, salvar unha situación que a finais de xullo de 2020 era desesperada. Pero as mutuas, no seu conxunto, non poden resultar imposibles, porque son a mellor demostración de que a ligazón público-privada resolve con maior facilidade grandes necesidades y problemas.
Mutua Universal, ámbito das nosas responsabilidades, respondeu ás súas obrigas de servizo ás empresas asociadas e consecuentemente, aos seus traballadores, no ámbito asistencial, de prevención e de xestión. A súa colaboración coa Seguridade Social é para a nosa mutua, coa axuda do Servizo Público de Saúde, algo consubstancial e non episódico. Así entendemos o mutualismo, estar en primeira posición, aportar os recursos para facer fronte á pandemia, facilitando, ademais, o acceso dos colectivos mais afectados ás axudas extraordinarias que a Administración dispuxo. Máis de 183.000 solicitudes de profesionais autónomos afectados pola crise dan testemuña diso.
Xestionar un exercicio con perdas é difícil e angustioso porque, ademais, hai que defender con éxito a estrutura da Entidade cos indicadores de xestión e as razóns de solvencia.
Noutros frontes, de vellas herdanzas, e xa neste exercicio, Mutua Universal cancelou a totalidade da súa débeda. Este 2021 é o ano do endebedamento cero. Pero disto falaremos o próximo ano.
Por todo iso, dende aquí o máximo recoñecemento a tódolos profesionais de Mutua Universal pola súa excelente actuación no ano de maior esixencia que un lembra. O meu recoñecemento polo esforzo e a dedicación en tempos tan convulsos. Ao Director Xerente en particular, pola súa amplitude de miras. O meu agradecemento aos que me acompañan na Xunta Directiva, na Comisión de Control e Seguimento e de Prestacións Especiais e no Comité de Auditoría e Cumprimento. Ao Presidente e Director Xerente de AMAT. Ás empresas e traballadores autónomos afiliados que nos dan a súa confianza e que tanto padeceron esta crise. E evidentemente, á Administración Pública, con D. Borja Suárez, Director Xeral de Ordenación da Seguridade Social, o noso interlocutor máis próximo.
A espera e a esperanza son ou deberían ser visións e desexos de futuro.
Coa lembranza de aqueles que perderon a vida na pandemia e o recoñecemento, agradecido, a tódolos profesionais da saúde que loitaron, moitos deles ata a morte, por salvar tantas vidas.
Ao concluír este escrito, transcorrida xa a metade do ano 2021, volve a ser difícil prognosticar optimismo desbordante. Pero a vacinación e a experiencia de todo o vivido obrigan a confiar na natureza humana, capaz de conseguir incluso case o imposible.
Debemos estar convocados a constituír unha sociedade máis xusta, máis entrañable, que supera distinguir entre o necesario e o superfluo. Sen adanismo nin conservadorismo a morte. Coa naturalidade, como os grandes feitos das nosas propias vidas.