Carta do Director Xerente
“O exercicio saldouse cun éxito obxectivo, que se interpreta dende a capacidade de xestión e reacción, a visión estratéxica, e a anticipación constante de tendencias e acontecementos”
JUAN GÜELL UBILLOSDirector Xerente de Mutua Universal

O ano 2020 recordarase pola irrupción da COVID-19, a pandemia que provocou de súbito unha emerxencia sanitaria, social e económica sen precedentes a escala global. As consecuencias foron devastadoras, tanto en cifras de enfermos e falecidos coma na economía das empresas e o empobrecemento de amplias capas sociais. Hoxe en día, aínda que os países máis desenvolvidos están en proceso de recuperación, en moitas zonas do planeta non se puido administrar a vacina masivamente e o virus segue avanzando, mutando, arruinando e matando. Polo tanto, os estados e a sociedade temos que tomar consciencia da necesidade urxente de erradicar esta enfermidade de todos os confíns da terra.

O ano pasado, a economía española sufriu unha caída do 11 %, a maior da zona do euro e unha das maiores da OCDE. Aínda que o 2021 apunta a unha recuperación importante do PIB (+6,4%), non se prevé alcanzar os niveis previos á pandemia ata finais do 2022. O novo gromo económico positivo está impulsado pola reacción dunha Unión Europea que cambiou de estratexia nesta crise, optando por un paquete de estímulos para a recuperación dos países membros que tampouco ten precedentes.

O noso mercado laboral, xa de por si fráxil, acusou un retroceso da ocupación de 622.600 traballadores (-3,1%) pese ás medidas de contención adoptadas polo Goberno –principalmente, os ERTE–, que contaron co apoio de tódolos axentes sociais. Pola sua banda, a taxa de paro repuntou ata o 16,13%, o peor dato da EPA dende 2012.

O 14 de marzo de 2020, o Congreso de Deputados aprobou o primeiro decreto de estado de alarma, que impuxo a restrición de movemento nos ámbitos local, autonómico e internacional, o confinamento dunha grande parte da poboación e, como consecuencia directa ou derivada, a cancelación da actividade empresarial de moitos sectores. Estas medidas provisionais tiveron un efecto positivo para conter o ritmo de contaxio e, dese xeito, evitar o colapso dun sistema sanitario que en ocasións chegou ao límite.

Foron meses moi intensos. Para xestionar as distintas fases de desescalada e a posterior irrupción da segunda ola, as mutuas procuramos solucións que deran resposta ás situacións inéditas que se foron presentando durante todo o ano. En ocasións, tivemos que responder en cuestión de horas, sempre en estreita colaboración coa Seguridade Social e cos distintos Sistemas Públicos de Saúde.

Nesta memoria preséntase unha selección de indicadores que amosa a adaptación eficaz a un ano moi esixente. A orde de magnitude pódese comprobar no gasto das prestacións sociais e das transferencias e subvencións realizadas por Mutua Universal, que experimentou un incremento do 83,83 % respecto ao exercicio 2019 –ata os 831,41 millóns de euros–, aínda que o dato non reflicte a complexidade, a celeridade e as condicións restritivas nas que satisfixemos esa demanda.

O exercicio saldouse cun éxito obxectivo, que cremos que debe interpretarse dende dous puntos de vista:

  • A capacidade de xestión e reacción, demostrada na resposta de Mutua Universal ao reto da pandemia. Ao peche, presentamos unha moi destacada actuación que tamén reflicte o equilibrio presupostario e a mellora de practicamente tódolos indicadores.
  • A visión estratéxica e a anticipación constante de tendencias e acontecementos, fieis ao noso compromiso de contribuír á sostibilidade do estado do benestar mediante a innovación, o rigor e a inversión.
“Temos o privilexio de traballar nunha organización con propósito social e sen ánimo de lucro, que contribúe ao benestar da sociedade co máximo rigor profesional e de xestión”

Abordar con eficacia a situación requiriu moito talento, sacrificio e a colaboración de todos. Tamén foi imprescindible contar con recursos materiais e tecnolóxicos de primeiro nivel, e unha estrutura de xestión áxil para redeseñar e implantar procesos. Afortunadamente, Mutua Universal víñase preparando dende fai tempo. A rápida reacción demostra que nos anos precedentes foramos na dirección correcta e, como consecuencia, fomos posiblemente unha das organizacións máis áxiles e eficaces do sector en actuacións clave.

Cando chegou a pandemia, contabamos cunha empresa solvente, un modelo organizativo renovado e unhas inversións en dotación tecnolóxica e equipamento transcendentais que axudaron a que un equipo comprometido, capaz e solidario conseguira logros que nos terían parecido impensables noutro tempo.

A serenidade con que afrontamos cada nova situación define e distingue ao equipo de Mutua Universal, ben na nosa adaptación ao primeiro confinamento, ben na planificación e desenvolvemento con precisión de cada fase da desescalada ou ben no repregue ante o repunte das sucesivas olas de contaxio. E todo iso, nun marco de incerteza extrema.

Temos o privilexio de traballar nunha organización con propósito social e sen ánimo de lucro, que contribúe ao benestar da sociedade que nos rodea, co máximo rigor profesional e de xestión.

Á hora de facer repaso dun ano excepcional, vexo oportuno adicar o meu maior recoñecemento ás 1.883 mulleres e homes do equipo de Mutua Universal. Co seu sacrificio e intelixencia, deron exemplo de responsabilidade, profesionalidade e solidariedade en cada posto, dende cada localidade e cada día.

Atopámonos no inicio dunha década que moi posiblemente estea chamada a ter transcendencia histórica polos notables fitos e cambios que alumea. Os estados da Unión Europea puxéronse de acordo para que a recuperación se centre na loita contra o cambio climático e a dixitalización da sociedade e a economía.

Se queremos ser máis eficientes e garantir a viabilidade do estado social europeo, debemos ser conscientes da influencia real da transformación dixital en practicamente tódolos eidos da nosa vida. A tecnoloxía modificou o xeito no que nos relacionamos, traballamos, comunicamos, entretémonos, compramos, informámonos, xestionamos… E, tamén, no xeito no que diagnosticamos, prevemos e coidamos da saúde das persoas. A pesar de que aínda nos atopamos ao principio desta fase de transformación.

Mutua Universal foi pioneira fai máis de 20 anos no desenvolvemento da Telemedicina e seguimos a avanzar con decisión e logros concretos moi relevantes. Hoxe en día, estamos en condicións de dar cobertura dixital a tódalas empresas e a tódolos nosos traballadores protexidos (máis de 1,4 millóns). Tamén comeza a ser unha realidade o desenvolvemento de solucións preditivas mediante a aplicación da intelixencia artificial á nosa enorme base de datos. Unha realidade en progresivo desenvolvemento e extensión.

Con todo iso, confiamos en seguir a contribuír ao benestar da nosa poboación protexida e á competitividade das empresas, pero tamén á sostibilidade do sistema de colaboración público-privado coa Seguridade Social. Somos optimistas de cara ao futuro; nunha gran parte, porque confiamos en que a interrupción dixital que impulsamos teña un efecto altamente positivo na recuperación económica do sector, que debe volver a poñer en valor a súa condición de contribuínte neto á Administración Pública.

Nun ano tan complexo, unha mención especial á Xunta Directiva e, en particular, ao seu Presidente polo compromiso total que amosaron, unha vez máis, con Mutua Universal.

A tódolos que nos axudan a facer que este proxecto siga a avanzar día a día, doulles as grazas de todo corazón.

JUAN GÜELL UBILLOSDirector Xerente de Mutua Universal
Ir a apartado siguiente
Carta del Presidente